«O deus das pequenas cousas», debut literario de Arundhati Roy
	en 1997, é a historia de tres xeracións da familia Ipe, marcada
	polo amor prohibido e a morte. En 1969, Ammu abandona
	o seu marido, alcohólico e maltratador, e marcha á casa familiar
	en Kerala, no suroeste da India, cos seus fillos xemelgos,
	Rahel e Estha. Como muller divorciada, é considerada unha paria,
	mesmo por parte da súa propia familia. A súa situación empeora
	cando rompe as estritas normas sociais ao namorarse dun dalit,
	un intocable. Vinte e catro anos despois, Rahel regresa a Kerala
	coa intención de reencontrarse co seu irmán, o que a leva
	a rememorar unha historia familiar que condicionou as súas vidas
	nun país marcado polo choque entre tradición e modernidade.