CABANILLAS, RAMÓN; NOGUEIRA, PAULO; BODEGA, MAGOIA
NON HAI BERCE COMA O COLO, un proxecto dirixido polos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira, ilustrado por Mariona Cabassa e publicado por KALANDRAKA.
Conta coa colaboración de destacados intérpretes galegos: Mini Rivas, Sonia Lebedynski, Merchi Rodríguez (Leilía), Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó, Segundo Grandío e Navia Rivas.
Concebido como un agasallo para os bebés, esta obra reúne 15 pezas do cancioneiro tradicional que conforman unha viaxe musical pola xeografía galega, dende Viveiro a Domaio, pasando por Ribeira de Piquín. Cada un destes cantos de berce é unha xoia do noso patrimonio oral e musical; un legado -a voz da memoria colectiva- que cómpre recuperar e seguir transmitindo nos fogares aos meniños e meniñas.
Unha voz susurrante, unha melodía suave e o movemento acompasado foron dende tempo inmemorial a receita coa que adormecían os bebés, especialmente sensibles para captar esas sonoridades e abaneos envoltos de afectividade. O remedio aos medos, os desacougos e os choros está na tenrura destes cantos de berce, auténtica poesía infantil de tradición oral que achega os cativos ao mundo máis próximo, que lles proporciona ritmo prosódico e corporal, que lles transmite unha valiosa bagaxe para o seu crecemento persoal.
Mariona Cabassa ilustrou cada arrolo con escenas de intenso colorido, nas que destaca o protagonismo da natureza e da familia, na súa diversidade.